O Karpin Galicia disputa este fin de semana a Clásica Internacional de Alcobendas cunha formación liderada por Ezequiel Mosquera. O ciclista de Teo participa nesta proba logo de disputar a Volta a Asturias e a Subida ao Naranco, competicións nas que uns problemas de alerxia non lle permitiron render ao seu mellor nivel, aínda que tampouco conseguiron crebar esa regularidade da que adoita facer gala.
Na Clásica de Alcobendas Mosquera, mellorado dos problemas respiratorios, atoparase tamén co estímulo adicional que supón para el a substitución da habitual contrarreloxo do segundo sector da última xornada, por unha etapa en liña. Nesta carreira estará apoiado por un equipo novo, aínda que ambicioso, composto por: David Abal, Delio Fernández, Alberto Fernández, Vladimir Isaychev, Serafín Martínez, Jesús Cobelo e Iban Mayoz.
A carreira iníciase o sábado coa habitual etapa que conclúe no alto de Navacerrada e un percorrido de 144,7 quilómetros que parte de Alcobendas. Esta primeira xornada, como adoita ser habitual, deixará bastante definidas as posicións no pelotón. O segundo día o primeiro sector, sobre 104 quilómetros, irá de Alovera - Azuqueca de Henares, sobre un perfil bastante sinuoso; e para a sesión vespertina, que pecha a presente edición da Clásica de Alcobendas, resérvase a etapa: Alcobendas - S. S. dos Reyes: 72,9 quilómetros.
A participación compóñena os dezaoito equipos seguintes: Andalucía-Caixa Sur, Benfica, Crédit Agricole, Agritubel, Karpin Galicia, Contentpolis-Murcia, Burgos Monumental, Saunier Duval-Scott, Caisse D'Epargne, Flaminia, Tinkoff, Aqua Sapone-Caffe Mokambo, Barloworld, Bouygues Telecom, Fercase-Paredes, Serramenti PVC-Diquigiovanni, Estremadura-Ciclismo Solidario e Selección Española.