A VII edición da Volta Ciclista a Galicia partirá o próximo día 4 de xuño dende Viveiro e finalizará en Sarria, nun percorrido definido como "rompe-pernas" polo corredor do Karpin Galicia, Xoan Mourón. Ao día seguinte, a etapa unirá Sarria con Ourense (143 kilómetros) e a terceira quenda será entre Ourense en Moaña. A cuarta etapa, entre Cangas e Santa Comba, vai ser "moi dura e moi difícil de controlar polo equipo do líder", segundo explicou o director deportivo de Karpin Galicia, Anxo Vidal. A Volta finalizará o día 8 de xuño co percorrido Vilalba-Viveiro, na etapa, en teoría, máis doada, pero "vai depender do estado no que se atope o pelotón", asegurou o ciclista Gonzalo Rabuñal.
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, amosou hoxe a súa satisfacción polo feito de que o esforzo que está a facer o seu departamento no ciclismo, "está repercutindo no deporte de base, cun incremento no número de licenzas que a finais do 2008 polo alcanzar o 40 por cento". Por iso, a máxima responsábel do Deporte Galego indicou que "o agradecemento principal é para o ciclismo galego que non fai máis que darnos boas novas. Está a amosar que todo o esforzo que estamos facendo dende as administracións non é nin máis nin menos que o que necesitaba para acadar resultados".
Ánxela Bugallo fixo estas declaracións no transcurso do acto de presentación da VII edición da Volta Ciclista a Galicia 2008, que tivo lugar en Viveiro. Na rolda de prensa, estiveron presentes ademais o alcalde de Viveiro, Melchor Roel, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Sabino Cortizo, así como representantes dos concellos dos que sae algunha das etapas da volta e integrantes do Karpin Galicia, o primeiro equipo galego profesional de ciclismo.
A conselleira animou a cidadanía a saír as estradas para participar neste espectáculo e agradeceu o esforzo dos organizadores, dos Concellos e de todos os que colaboran para que esta nova edición da Volta Ciclista a Galicia, "volva a ser un éxito deportivo, organizativo e de público".
O alcalde de Viveiro agradeceu á Consellería de Cultura e Deporte "a súa aposta por Viveiro, xa que desta forma está apoiando o traballo que estamos a facer no deporte" e manifestou a súa confianza en que esta Volta volva a dar grandes días de ciclismo. Pola súa parte, o presidente da Federación Galega de Ciclismo explicou que "nestes momentos xa temos 14 equipos confirmados e imos chegar ata 18 ou 19, pero aínda estamos estudiando as propostas que temos, xa que hai moitas solicitudes e non imos poder aceptalas todas".