17-07-2008

|
 Carlos Castaño. |
|
|
|
Autor:
|
|
| |
|
|
| |
|
Mañá, venres 18 de xullo, comeza unha nova edición da Volta a Madrid e faino cunha contrarreloxo de 21,2 quilómetros na localidade de Pinto. O Karpin Galicia vai estar presente na proba madrileña cos seguintes ciclistas: Gustavo Domínguez, David García, David Herrero, Serafín Martínez, Alberto Fernández, Alejandro Paleo, Vladimir Isaychev e Carlos Castaño, todos eles baixo o dirección deportiva de Jesús Blanco Villar. Á contrarreloxo inicial, a ronda madrileña engadirá unha etapa de montaña pola serra e a terceira e derradeira o domingo sobre un circuíto na Casa de Campo. De entre os homes que despraza o equipo galego chama a atención Carlos Castaño. Por tres motivos: porque corre na casa, porque o pasado ano foi terceiro nesta mesma proba e mellor corredor daquela comunidade e, fundamental, porque leva perdida boa parte da tempada por causa dunha persistente afección vírica da que por fin parece estar recuperado. Castaño amósase animado, pero tamén un tanto dubitativo con respecto ás súas propias posibilidades: “Estou animado dabondo porque ao fin creo que os problemas de saúde foron superados. Non sei exactamente cal é o nivel competitivo que teño nestes momentos, pero si que estou con moitas ganas e nos adestramentos notei xa unha melloría moi considerable”, comenta antes de recalcar que prefire non marcarse obxectivos: " “Expóñome á Volta a Madrid como á primeira carreira despois dun longo proceso vírico e se aquí non dou aínda un nivel óptimo, virán a continuación Volta a Burgos e Volta a Portugal. Con este calendario creo que acabarei poñéndome a punto para a Volta a España”. Despois de varios intentos frustrados (Euskal Bizikleta e Route du Sud), no Campionato de España o madrileño do Karpin Galicia volveu a ver un raio de luz: “Nos últimos meses foi un querer e non poder, pero no Campionato de España as sensacións comezaron a ser distintas. Non acabei a proba porque era moi dura, pero ao día seguinte xa estaba recuperado e esas sensacións non as tivera en moito tempo”. O proceso vírico padecido responde ao nome de mononucleosis e o propio ciclista explica os síntomas: “O problema é que non che permite recuperar dos esforzos. Un día saía a adestrar e ao seguinte non tiña forzas nin para erguerme da cama. Os síntomas ao principio son como dun simple arrefriado e nun primeiro momento non lle prestas demasiada atención ata que ves que pasa o tempo e a situación, lonxe de mellorar, vai a peor". E remata Castaño cunha boa pincelada de optimismo: "O bo de todo isto é que chego ao cabo de tempada con moitas ganas e con desexos de demostrar que son un bo ciclista”.
|