Manuel Cardoso (Liberty Seguros)
adxudicouse a primeira etapa da 3ª Volta ao Distrito de Santarém (Portugal),
que uniu as localidades de Fátima e Abrantes, a través dun itinerario de 201,9
quilómetros. O corredor portugués convértese tamén no primeiro líder da
carreira, con 9 segundos sobre Héctor Guerra (Liberty Seguros) e Khalilov
(Flaminia), segundo e terceiro, respectivamente. O Karpin Galicia, que situou a
Vorganov e Veloso nos postos doce e trece na etapa, tivo moita presenza en
carreira, ao estar representado por Rabuñal e Isaychev nas dúas fugas máis
significativas da xornada.
O ciclista de Arteixo (A Coruña) foi o primeiro en probar fortuna con certo
éxito, destacándose no quilómetro 38 de etapa en compañía de Zaballa (A) e
Joachim (Astana). O pelotón non deu tregua ao trío que, non obstante, sería
capaz de manter viva a aventura durante 25 quilómetros.
Tras novos intentos de escapada efémeros, era outro ciclista do Karpin Galicia,
Vladimir Isaychev, quen tomaba a cabeza de carreira en compañía do francés
Maxime Bouet (Agritubel). A etapa transitaba polo quilómetro 121 e no 145 o dúo
conseguiu unha diferenza máxima de 5-47. Isaychev puntuaría primeiro na meta
volante de Pego e segundo nas dúas cotas de montaña de cuarta categoría. A dez
quilómetros de meta o pelotón poñía fin á fuga, neutralizando ao francés.
Isaychev fora acadado cinco quilómetros antes.
A victoria decidiuse nunha chegada co último quilómetro en suba, que estirou
moito ao pelotón e onde Cardoso avantaxou en 2 segundos a Héctor Guerra
(Liberty Seguros) e Khalilov (Flaminia). A 6 segundos chegaba o galego David
Blanco (Palmeiras Resort), no décimo posto, e a 9 os corredores do Karpin
Galicia Vorganov (duodécimo) e Veloso (décimo terceiro), xunto co estradense
Alejandro Marque (Palmeiras Resort), que ocupou a décimo sexta praza. Na xeral,
as bonificacións dan 10 segundos máis de vantaxe a Cardoso sobre a
representación galega.
A segunda etapa disputarase entre Río Maior e Benavente sobre 192,4 quilómetros.