17-07-2008

|
 Mapa do percorrido |
|
|
|
|
|
|
Autor:
|
|
| |
|
|
| |
|
Percorrer os 381 quilómetros que hai entre Ribadeo e A Guarda en cinco días, velaí o obxectivo de catro piragüistas que se propuxeron dar a volta a Galicia en kayak. Que se saiba, esta é a primeira vez que alguén vai tentalo. Francisco López Costoya, Antonio de la Rosa, Arnau Juliá e Josechu Roel son os catro deportistas que van abordar tan complicada tarefa, logo de máís dun ano de traballo preparatorio. Josechu Roel, director técnico da Federación Galega de Piragüismo e experto aventureiro de raids, e os seus tres compañeiros de desafío, barallan tres posibles datas para inicialo: 29, 30 ou 31 de xullo. Fala Roel: "Non o queremos facer por partes. A intención é comezar e rematar, se as condicións son desfavorables abandoaremos e volveremos tentalo dende o principio". E é que o proxecto ten unha importante carga emotiva, trátase de algo que Roel tiña pensado dende tempo atrás xunto co seu íntimo amigo José Ramón Corral, persoa así mesmo moi involucrada co piragüismo galego. En xaneiro, un desgraciado accidente de moto rematou coa vida de Corral e, dende entón, Roel xa o tivo claro: "Sexa como sexa farei realidade ese soño que tiñamos os dous". Os catro expedicionarios que por fin se van enfrontar ás complicadas augas que rodean Galicia posúen considerable experiencia. Francisco López Costoya é profesor de Educación Física e na súa época de deportista foi un atleta de 1.500 metros, destacado aquí e fóra; xunto con Arnau Juliá, son os vixentes campións de España de raids e o pasado ano gañaron a Ecomotion, a proba máis dura e importante de España desa disciplina. Ademais, Arnau quedou no seu momento a só 200 metros do cumio do Everest. Pola súa banda, Antonio de la Rosa é bombeiro en excedencia e dedícase a competir en carreiras longas, nas que xa acumula destacado palmarés. Eles catro tentarán acadar o éxito en cinco etapas cunha media de 80 quilómetros: Ribadeo-Cedeira, 101. A segunda etapa, Cedeira-Malpica, 74 quilómetros; a terceira, Malpica-Fisterra, 80; cuarta etapa, Fisterra-Illa de Ons, 68; e quinta e derradeira, Ons-desembocadura do Miño na Guarda, 58. Segundo o previsto, a experiencia será relatada polos protagonistas nun ciclo de charlas que realizarán por diferentes colexios galegos en colaboración coa Fundación Deporte Galego, un dos patrocinadores do proxecto.
|