A SD Samertolameu está a ofrecer a súa autoridade nestas primeiras probas de campionato. Porén, o equipo de Meira contou na última proba, en Oleiros, cunha férrea oposición do Real Club Náutico de Vigo, que nos intres finais cedeu a bandeira aos moañeses. O C.R. Chapela tamén se mantén á espera de que os dous primeiros clasificados cometan algún erro para poder ascender algunha clasificación na Liga.
Coa vindeira proba a tan só catro días, a Bandeira da Pobra o sábado 5 de xullo, os conxuntos atópanse motivados para conseguir os mellores resultados.
Arturo Abruñedo, adestrador do R.C. Náutico de Vigo, asegura que a Liga está “moi difícil”, aínda que está comezando. “Os de Meira están moi fortes esta tempada, teñen unha plantilla moi equilibrada e que compite a gran nivel”, Pola contra, o técnico vigués cre que o seu equipo ten “os efectivos xustos para facer fronte a esa potencia, pero imos intentar aguantar o seu ritmo e manternos nos postos de cabeza”. “Temos que estar moi contentos, fixemos un gran comezo de campionato; temos que mellorar algo o aspecto técnico e creo que o conseguiremos”, afirma o técnico.
O Náutico contará nesta ocasión con Álex Cerviño como patrón, sustituíndo a Benito Telesforo Abal, que ata o de agora disputara as dúas primeiras probas ao mando da embarcación viguesa.
Neste mesmo senso se pronunciou o presidente do C.R. Chapela, Fernando Collazo. O seu equipo é nestes momentos terceiro na xeral, só superado por Samertolameu e Náutico. “Imos intentar achegarnos aos postos de cabeza pouco a pouco; semana a semana imos mellorando o equipo”, afirma o responsable da entidade de Chapela. “Ademais de Meira e Náutico, temos que ter coidado con outros equipo que veñen con forza, como Rianxo ou Mecos; se nos descoidamos poden chegar a poñerse moi arriba”, continúa. Sobre a progresión de Samertolameu, Collazo manifesta que “ten un gran equipo, pero non teñen todo feito; a clave de todo está en saber se poden manter o ritmo. Ata o de agora mostráronse demasiado fortes e aínda quedan moitas regatas”.